Natureza alterada. Texto: Carlos L. Bernárdez

Faro de Vigo. Faro da Cultura. Xoves 16 de febreiro de 2023.

 

Na sala Rosalía de Castro, sita na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, presenta o seu novo traballo o pintor Alberto Pena (Foz,1970), nunha mostra que leva por título Natureza alterada.Trátase dun conxunto de monotipos, con formato cartel e con soporte de liño, realizados a partir de técnicas que cómpre situar entre a pintura e a estampación, e que na súa intencionalidade abalan entre o abstracto e o figurativo. Son obras que na escala elixida oscilan entre o micro e o macro e que na súa paleta se moven entre a captación do natural e a vontade de idear algo novo, cunhas cores imperceptíbeis para os ollos humanos, agochadas nas rexións brancas presentes en cada unha das pezas. 

A obra resultante, froito dunha observación constante do medio natural, conforma un espazo para a reflexión, un lugar de transición dun estado a outro, de apertura da consciencia cotiá cara ao concepto metafórico ligado a esa natureza alterada a respecto da orde natural, conectado cunha visión espiritual da natureza de ecos orientais. 

Neste sentido son continuadoras da liña de traballo do artista establecida en proxectos como“Natureza deconstruída”(Espazo de Arte Mardesía, Sanxenxo, 2022) ou “A caída: caderno de confinamento” (O Vello Cárcere, Lugo, 2020). 

Neste achegamento, o labor obsesivo do artista é o que marca a súa singularidade e o que perfila as virtudes e limitacións, claramente procuradas, da súa aposta creativa, porque as obras só atinxen pleno sentido co seu carácter acumulativo, como se o artista trousase representacións, que individualmente perderían a súa intensidade como creacións, mais que lidas en conxunto adquiren a súa auténtica dimensión artística e comunicacional. Unha dimensión moi ligada ás preocupacións do noso presente pola sustentabilidade e polo futuro do medio natural. 

A obra de Alberto Pena móstranos algúns dos camiños andados desde a asunción dos temas ligados ao medio natural na arte máis recente elaborando un mundo, xa que logo, marcadamente acumulativo e metafórico, no cal o desacougo é suavizado por un sentido creativo sen que ningun dos polos acaba de imporse de vez. Estamos, entón, perante unha serie que mediante o contacto de materiais recollidos directamente do medio natural e e postos en contacto directo co soporte de liño remiten á relación entre a creación artística e mais a natureza, situándose, en concreto, nunha tradición da representación que suxire reflexións como as que realizou Walter Benjamin nun breve texto de 1928 titulado “Algo novo sobre flores”. Neste traballo o filósofo alemán analizaba a Urformen, a “forma orixinaria”, un concepto que aparecía na obra de Karl Blossfeldt, un fotógrafo ligado á Nova Obxectividade e coñecido polas súas fotografías de formas vexetais e autor do libro Urformen der Kunst. Photographische Pflanzenbilder (“As formas orixinarias da arte. Imaxes fotográficas de plantas”), publicado no mesmo 1928. 

 

Na tradición da representación 

A obra de Alberto Pena, salvando todas as distancias que se queiran impor, insírese nesta tradición da representación; parafraseando ao propio Benjamin, poderiamos sinalar que na serie Natureza alterada, o mesmo que en anteriores traballos, quere situarse nun ronsel de percepcións sobre o mundo vexetal que ratifique o inventario das nosas percepcións e ao tempo consiga facer que mude a nosa imaxe do mundo, en definitiva, representar a natureza integrada co organismo, co ser humano. 

Os monotipos e apropia materia orgánica usada para construír as pezas, seguindo certa azarosidade, coadxuva na desmontaxe visual das plantas, na deconstrución do visíbel tal como o percibimos comunmente, facendo abrochar “un géiser de novos mundos en imaxes”, en palabras de Benjamin. Novamente debemos lembrar o pensador xermano que entendía que a ampliación fotográfica do vexetal traía aparelladas consecuencias arquitecturais e ornamentais, o mesmo que a visión microscópica, que tamén tivera consecuencias gráficas e pictóricas en obras abstractas como as de Klee ou Kandinsky. 

Semella que é nesta consciencia reflexiva na que traballa Alberto Pena; de feito o arquitectural agroma na propia concreción espacial que transmiten os gravados que parece, pois, que xogan coa analoxía e a forma, tamén cun desprazamento espacial,as mesmas referencias sobre as que aprofundaba Benjamin no seu ensaio sobre as flores. Trátase de formas orixinarias mais non formas simples nin puras, aínda que o artista opte por un enfoque que prima o carácter expandido, procura crear imaxes reparadoras, novas paisaxes internas que implican ampliar a conciencia aínda que sempre evita o carácter convulso, evita a monstruosa estrañeza, tan do gusto surrealista, para se centrar na delectación visual das estruturas construtivas do mundo natural que nos leve aunha religazón ben afastada de calquera distancia social. 

Carlos L. Bernárdez