Continuo. Texto curatorial: Elena Bangueses
En Continuo, Alberto Pena presenta unha instalación pictórica que cobre practicamente a totalidade da parede do espazo expositivo. Os seus lenzos, así presentados, convídannos a mergullarnos nos fractais da súa visión artística. Se nos permitimos somerxernos na escala sublime das obras, poderemos ver aflorar temas que van máis alá das dualidades contraditorias do natural e do artificial, do espazo positivo e negativo, do orgánico e do xeométrico, así como entre a abstracción e a representación. Aínda que calquera destas tensións pode constituír o núcleo dunha investigación artística, a última liña de traballo de Alberto Pena agroma cando atopamos as claves que conectan as pezas.
A primeira clave é comprender a obra como unha investigación, tan metódica, planificada e meditada, que ilustra con éxito a natureza caótica e aleatoria da súa temática. Na arte de Alberto non hai lugar para os tópicos románticos do pintor abstracto, loitando erraticamente contra forzas internas e externas alleas ao seu control. Cada lenzo podería identificarse facilmente como unha diapositiva diferente baixo o microscopio dun científico, ampliada a escala para que poidamos marabillarnos, con glorioso detalle, da absoluta loucura coa que se organiza a natureza. Por moito que as nosas mentes evolucionaran para adorar os patróns e por moito que nos eduquemos lonxe dos sistemas autoorganizados, ao fin e ao cabo, estamos feitos da mesma materia.
Ver este espectáculo coma o froito dunha meticulosa investigación, saca á luz a segunda das claves subxacentes, a repetición e a replicación. Volvendo á idea do fractal, formas con xeometrías similares que se repiten a diferentes escalas, a imaxinería das obras individuais parece aleatoria. Non obstante, esta dispersión aleatoria de obxectos sobre o lenzo, rexistrada de forma moi similar á do contorno das pegadas de mans prehistóricas nas paredes das covas, é só un paso dun proceso máis amplo que abarca todos os lenzos que aparecen aquí e moitos máis que non chegaron a ser expostos.
A selección lévanos á seguinte clave, a evolución. Cada lenzo comparte características, técnicas e estilos, que xa xurdiron en lenzos feitos con anterioridade. Estas características non son o resultado da selección natural, son seleccionadas polo artista, producindo unha evolución artificial. É un privilexio ver como este proceso maratoniano se desenvolve de lenzo en lenzo, xa que os artistas adoitan presentarnos só as mutacións máis recentes e exitosas das súas obras, o que fai que a súa evolución sexa un proceso opaco para calquera persoa allea á intimidade do estudio.
A última clave é o proceso, non só no nivel macro de evolución, senón tamén no nivel meso de cada lenzo e no nivel micro de cada capa, cada obxecto colocado ou lanzado e pintado con spray, cada cuadrícula disposta, cada salpicadura de pintura, etc. Cada nivel deste proceso e cada paso de lenzo en lenzo conta a historia dunha viaxe entre a racionalización e a rendición. A beleza disto reside en que non podemos dicir onde comeza e onde remata, xa que é unha viaxe continua.
Elena Bangueses