Cadernos de confinamento. Texto curatorial: Carlos L. Bernárdez

Un espazo da potencia expresiva do Vello Cárcere de Lugo é un auténtico presente para calquera artista. O antigo Cárcere Modelo de Lugo, realizado entre 1882 e 1887 a partir do deseño do arquitecto Nemesio Cobreros (1847-1909) e inspirado no Panóptico do británico Jeremy Bentham (1748-1832) fai que o novo traballo do pintor Albero Pena, que leva por título A caída: cadernos de confinamento, sexa concibido en vinculación co momento histórico que nos toca vivir, co confinamento como factor de distanciamento social. A obra está composta por 23 teas sobre bastidor montadas in situ, ensambladas nos vans da intervención arquitectónica que abre as celas unhas con outras. Ao pechar os vans da maior parte das celas coas teas, o espazo confínase de novo, as celas fican sen nada pendurado e o que permanece é a ausencia. 

A obra resultante é un espazo para a reflexión, un lugar de transición dun estado a outro, de apertura da consciencia cotiá cara ao concepto metafórico de caída, da orde natural, conectado cunha visión espiritual da natureza de ecos orientais. 

Estamos perante unha serie que mediante sucesivas impresións en negativo ou sinais de elementos naturais da contorna, usando sprays acrílicos, sobre os fondos escuros con cuadrícula (a modo de estrutura, simulando bosquexos monocromos sobre follas de caderno cuadriculado) e que remiten á relación entre a creación artística e mais a natureza, situándose, en concreto, nunha tradición da representación que suxire reflexións como as que realizou Walter Benjamin nun breve texto de 1928 intitulado “Algo novo sobre flores”. Neste traballo o filósofo alemán analizaba a Urformen, a “forma orixinaria”, un concepto que aparecía na obra de Karl Blossfeldt, un fotógrafo ligado á Nova Obxectividade e coñecido polas súas fotografías de formas vexetais e autor do libro Urformen der Kunst. Photographische Pflanzenbilder (“As formas orixinarias da arte. Imaxes fotográficas de plantas”), publicado no mesmo 1928. 

A obra de Alberto Pena insírese nesta tradición, parafraseando ao propio Benjamin, poderiamos sinalar que na serie A caída quere situarse nun ronsel de percepcións sobre o mundo vexetal que ratifique o inventario das nosas percepcións e ao tempo consiga facer que mude a nosa imaxe do mundo, en definitiva, representar a natureza integrada co organismo, co ser humano. 

As teas pintadas e a propia materia orgánica usada para construír as pezas, seguindo as leis do azar, simulando a idea de caída, coadxuva na desmontaxe visual das plantas, na deconstrución do visíbel tal como o percibimos comunmente, facendo abrochar “un géiser de novos mundos en imaxes”, en palabras de Benjamin. Novamente debemos lembrar o pensador xermano que entendía que a ampliación fotográfica do vexetal traía aparelladas consecuencias arquitecturais e ornamentais, o mesmo que a visión microscópica, que tamén tivera consecuencias gráficas e pictóricas en obras abstractas como as de Klee ou Kandinsky. 

Semella que é nesta consciencia reflexiva na que traballa Alberto Pena; de feito o arquitectural agroma na propia concreción espacial que transmiten os lenzos que parece, pois, que xogan coa analoxía e a forma -tamén cun desprazamento espacial-, as mesmas referencias sobre as que aprofundaba Benjamin no seu ensaio sobre as flores. Trátase de formas orixinarias mais non formas simples nin puras, aínda que o artista opte por un enfoque que prima a pintura expandida, procura crear imaxes reparadoras, novas paisaxes internas que implican ampliar a conciencia aínda que sempre evita o carácter convulso, evita a monstruosa estrañeza, tan do gusto surrealista, para se centrar na delectación visual das estruturas construtivas do mundo natural que nos leve a unha religazón ben afastada de calquera distancia social. 

Carlos L. Bernárdez