Natureza alterada. Texto curatorial: Elena Bangueses

En Natureza Alterada, Alberto Pena presenta a súa liña de traballo máis recente, nesta ocasión adoptando un formato máis doméstico. Estes monotipos fusionan a pintura de Alberto coa imprenta, facendo referencia ás artes gráficas, das que o artista toma prestadas as dimensións estandarizadas dos carteis, aínda que no seu caso empregando como soporte o liño.

A beleza do seu proceso reside en que, aínda que pode describirse en poucas liñas, logra, como demostran as obras, producir unha gran variedade de imaxes. A repetición disóciase do patrón, e no seu lugar, produce diversidade, de forma similar a como a natureza xera tal multiplicidade de ADN con só catro bases (ACGT).

O artista, nos seus paseos diarios, recolle a materia prima, tanto orgánica como inorgánica. Materiais, que logo, entran en contacto directo coa superficie do liño empregando o tórculo. Os obxectos atopados, aplanados, logran xerar unha profundidade de imaxe, como resultado dunha minuciosa repetición que deu lugar a múltiples capas semitransparentes. As paisaxes oníricas xurden a través dos palimpsestos, coma se un naturalista do século XVIII fora quen de empregar unha máquina de raios X.

Do mesmo xeito que as técnicas empregadas polo artista, oscilan entre a pintura e a estampación, as súas intencións fluctuan entre o abstracto e o figurativo, e a escala elexida entre o micro e o macro, a súa paleta oscila entre captar o natural e idear algo novo, cunhas cores imperceptibles para os ollos humanos, agochadas nas rexións brancas presentes en cada unha das pezas.

 

Elena Bangueses