Deconstrución. Texto
Serie de obras sobre a materia. As fases de desenvolvemento (construción), disolución (deconstrución) e síntese (unificación) de procesos vitais e da natureza.
As siluetas de pedras, ramas, raíces, follas, sementes…incorporadas con sprays acrílicos sobre fondos pictóricos, seguindo leis do azar, axudan a construír a vibración orgánica nas obras. É unha actualización do antigo método da impronta, co que o ser humano comezou pintando, coas siluetas das súas mans impresas nos muros das covas, en forma de aerosol soprado. Na xestación do método plástico utilizado foron moi inspiradoras as primeiras imaxes dos pioneiros da historia da fotografía, principalmente os cianotipos que Anna Atkins utilizou a mediados do século XIX para rexistrar a súa colección de plantas.
Traballo sobre o efecto da profundidade coa xuxtaposición dos contornos nítidos (no caso de usar elementos naturais moi planos) con outras formas que quedan máis desenfocadas, seguindo os principios básicos da composición espacial da arte taoísta.
Tamén incorporo xeometrías simples, a repetición e a combinación de módulos que acoutan, coa utilización de máscaras vectoriais.
Emprego a creación como contedor fundamental de procesos de transformación, para ampliar a conciencia e incorporar equilibrio a dualidades fundamentais, orde-caos, sociedade-individuo, Eros-Tánatos.