Bosque colectivo. Texto
Intervención artística na Capela de Santa María e nos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo durante a primaveira da temporada 2016.
A intervención foi Inaugurada o 18 de maio coincidindo co día Internacional dos Museos, co lema “Museos e Paisaxes Culturais”. Este tema pon de manifesto a responsabilidade dos museos de protexer e conservar a paisaxe que o rodea, coa finalidade de promover un desenvolvemento respectuoso. Neste senso a peza foi creada para sensibilizar aos cidadáns no coñecemento, valoración e conservación do patrimonio ambiental do que forman parte. Lugo é unha cidade rodeada por espazos verdes e O bosque colectivo insistiu na súa calidade paisaxística e medioambiental e propuxo un diálogo coa cidadanía a través do seu contorno natural.
O resultado da intervención artística foi unha pintura mural dunha masa a contraluz de árbores que conformou unha liña de bosque continua sobre as paredes da Capela de Santa María. Foi de carácter efémero, a exposición durou ao redor de vinte días.
O fondo pictórico da peza foi un mural colectivo, creado pola cidadanía mediante sucesivas impresións en negativo de vexetais. O público participou pintando nas propias paredes da sala con sprays acrílicos de cores e materia orgánica, en colaboración co artista, seguindo as leis do azar. Participaron sobre duascentas persoas durante tres intensas xornadas de creatividade, espiritualidade e natureza (ciudadáns de Lugo e provincia, nais e pais cos seus fillos, artistas locais, persoal do Centrad e da Rede Museística, persoas con diferentes discapacidades...). O fondo que cubriu as paredes foi a nivel simbólico unha pintura comunal sobre a conciencia colectiva do patrimonio ambiental do que forman parte, quedando patente que a creación e a espiritualidade son o medio de expresar a nosa vida interior.
A ciudadanía tamén achegou gran parte dos materiais que axudaron a construír a obra pictórica: raíces, arbustos, ramas, follas, flores, sementes, paus, verduras, malas hervas, cortizas...e outros elementos do mundo vexetal, recollidos na propia cidade (restos de podas e limpezas de parques, hortas, xardíns e montes) e fundamentalmente na Terra Chá (en espazos naturais de Begonte e de Outeiro de Rei).
Na segunda parte da intervención o artista creou sobre o fondo do mural colectivo unha silueta dun “bosque de luz”, quedando reforzada a idea de comunidade. O proceso consistiu en adherir aos muros da capela unhas plantillas de vinilo, recreadas a partir das fotografías panorámicas dun bosque fronte ao litoral. A finalidade de cada plantilla foi actuar como máscara, protexendo gran parte do fondo pintado pola comunidade e deixando ao descuberto as zoas de luz da masa forestal. Estas zoas sen máscara foron pintadas con gamas de cor brancas e tamén con siluetas de vexetais. Unha vez retirado o vinilo apareceu o bosque como por arte de maxia, sen apenas afectar as pegadas artísticas que deixaron as persoas que participaron na elaboración do fondo.
No bosque unha árbore reemplaza a outra e todas xuntas resisten ao longo das épocas. A nivel individual as persoas semellamos árbores, símbolos de crecemento, co tronco erguido, os brazos longos e as pernas enraizadas á terra. Somos sensibles e establecemos afinidade con diferentes manifestacións da natureza que están en sintonía cos nosos estados internos. A propia representación artística da Natureza expresa estados psicolóxicos individuais e colectivos; en palabras de F. Nietzsche: “toda esa ilimitada e enigmática paisaxe que conforma o universo interior de cada un”.
A vexetación está en constante transformación ao longo das estacións, plasmando a idea do cambio e da impermanencia. Sucédense incesantes procesos de multiplicación, de putrefación e de renovación.
Con esta peza o artista buscou achegarse á noción de paisaxe colectiva, á relación entre a luz e a vexetación, un lugar onde experimentar a orde natural, onde o vivo e o morto conviven. Este “bosque de luz” pretende ser unha analoxía coa búsqueda da luz que reverbera entre os individuos na relación coa demais xente, coa comunidade.
O espíritu de O bosque colectivo extendeuse pola provincia nos diferentes museos da Rede Museística da Deputación de Lugo con tres xornadas de participación, que deron como resultado tres murais colectivos, cada un de catro metros cadrados.
No Museo Etnográfico de San Paio de Narla o alumnado do CPI de Friol, despois de recoller elementos vexetais da propia contorna, fixeron unha roda nunha sala noble do museo e crearon o fondo da peza, que versou sobre a xeometría do logotipo da Rede Museística.
Para o mural de San Cibrao colaboraron persoas con discapacidade coa axuda de monitores, do persoal do museo e do artista. Utilizouse unha plantilla de vinilo co alzado do edificio do Museo Provincial do Mar sobre o fondo creado cos negativos de conchas, estrelas de mar e outros elementos marinos.
O bosque colectivo rematou no Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos) nunha festa onde celebrouse o día Internacional dos Museos. O público que participou incorporou a materia orgánica e pintou cos sprays acrílicos de cores, en colaboración co artista, dando como resultado plástico un mandala inspirado nas formas do laberinto da finca do museo. O mural foi colocado, con axuda dos colaboradores do museo, na capela do pazo, unha chiscadela ao carácter espiritual de todo o traballo e como peche dunha viaxe dende a Capela de Santa María ate a Capela do Museo Pazo de Tor.